Amosando publicacións coa etiqueta Mañón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mañón. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de novembro de 2022

Soñando cos outonos pasados (MUIÑOS DE SALUSTIO)

E sentir que a vida é un alento, unha paisaxe onírica cando chega o outono. O río recupera a vida que o verán apagou, esta zona non está chea de contrastes. Quizais sexa porque está moi preto do mar ou porque as temperaturas son moi suaves, pero non é menos fermosa por iso.

venres, 30 de marzo de 2018

OLLANDO O REFUXIO DO CASCON





Nun só recordo
vén o tento do antonte
no mesmo sobrado frío, 
aló, na mesma fraga,
nos netos dos mesmos paxaros,
no illó das mesmas augas.
Tamén os mesmos camiños,
Só eu, xa non mesma,
evocando todo aquel sol.
                                                                                                    Medos Romero

martes, 13 de decembro de 2016

Os últimos resquicios do outono na Ribeira do Bispo. (Río arriba)

Os meus ollos non se cansan de contemprar a beleza das suaves curvas que fai o río,
os cabalos salvaxes que pastan na súas beiras,
as mazás maduras esparcidas pola aira,
os castiñeiros, as aveleiras, os carballos, piñeiros, salgueiros, …
E enriba, o ceo, dono de este val, cheo de lembranzas doutros outonos esquecidos, e de longos días chuviñentos da invernia que está por chegar.
As aveleiras refulxen co resplandor do outono, hoxe, un 10 de decembro,  vai calor, ainda que un airiño maino aloumiña as follas das arbores desta fraga de ribeira.
Pasiño a pasiño vou río arriba, deixome levar, o silencio engaiolame os sentidos, e mentres disfruto da camiñata, lembrome de outros outonos.

Núos pés en herba da tarde.
Tento en chasquido da folla seca,
acastañada do sol.
Mau arrincando cascamelos verdes
e bailaretes dun carballo.
Xesteiro florido anaga a tarde
de marelo intenso do ulido doce.
A trote vai un cabalo.
Silencio.
Vida no son dende min,
no son do rego ao lonxe,
na abella acochada na ortiga,
no vaivén da póla do loureiro
que chama polo vento
                                  Medos Romero

Aqui vos deixo a entrada do pasado outono pero río abaixo

xoves, 7 de xaneiro de 2016

Cruz da Liñaza

Custounos traballo atopala, pero por fin, grazas ás indicacións de dous veciños, Pablo do Cal e José de Cabana demos con ela, e realmente pagou a pena, non só pola beleza da cruz se non tamén a das rochas nas que está encravada, como se pode apreciar nas seguintes fotos.

Cruz da Liñaza

 Contan os vellos que nos tempos antigos, no lugar de Casateites, polas noites se viñan producindo roubos, tanto de cultivos coma de animais, mesmo algún dentro das vivendas, pero non eran capaces de pillar o ladrón, e así durante meses, ata que un bo día xa non volveron roubar, pero cal foi a súa sorpresa cando días despois dous labregos que se dirixían ao Lombo do Medio, atallando polos montes para acurtar camiño, ao chegar ao cume do monte atoparon os restos do corpo dunha muller que fora atacada polos lobos e xunto a ela un saco  rachado con  máis ou menos media arroba de liñaza ciscada polo chan,  que botaran a faltar nunha das vivendas de Casateites. Como a muller non era coñecida, déronlle sepultura onde encontraron o corpo e levantaron unha cruz en sinal de advertencia para futuros rateiros.



luns, 9 de novembro de 2015

"Outono no muiño de Arganzo (A Barcia) "

Tramo ro río encaixado na canle no muiño de Arganzo
O sábado  a mediodía baixamos ata a Barcia, tiña ganas de ver como lle sentaba o outono ao muíño de Arganzo, este ano ven tan cálido que as cores non teñen eses contrastes tan fermosos dos outonos secos e fríos, pero,  que se pode esperar, un sete de novembro  con 23º a una do mediodía nas beiras do sor?, o día espectacular,  un sol espléndido, os cabaliños do demo , verdes e azuis, voando por enriba das augas da canle do muíño,  era imposible fotografalos, non paraban quietos.





O Sr. José e a súa Dona, coma sempre saíron a saudarnos, a verdade é que viven nun lugar privilexiado, a propiedade conta con un muíño de tres séculos que segue en activo, agora so en contadas ocasións.  O Sr José   é o último dunha saga familiar de muiñeiros que se dedica a moer trigo e maínzo en Arganzo, este muíño, que antano facíase imprescindible,  aínda hoxe segue xerando a súa propia luz. Alí todo é artesanal, como nos seus inicios: as pezas vanse repoñendo, pero están elaboradas polo propio dono. A súa estrutura é simple: unha modesta edificación de pedra por cuxo interior discorre o tramo dun río previamente encaixado nunha canle que dá paso a unha especie de fervenza.


Cóntanos  José que antano os lugareños  baixaban ao muiño cunha moenda que chegaba aos 50 quilos a lombos dun burro por un camiño estreito, a congostra, onde sorteaban rutas que ían dende San Pantaleón, pasando por Ambosores, na provincia de Lugo, ata As Grañas. e nas festas máis importantes da zona, San Antonio, San Pantaleón e San Mamede, o forno non cesaba de cocer en tres días: cociñábanse durante estas festividades case un centenar de doces dunha repostaría única na zona: roscón de anís, biscoito, brazo de xitano, torta de améndoa e mazá, empanada... A nai de José poñía a fariña e cada un dos asistentes, o que podía achegar á celebración.

Hoxe, de novo, o Sr. José ensinounos o muíño, e púxoo a moer para nós. E como en ocasións anteriores, convidounos a volver  de novo.
Hai uns anos na Voz de Galicia saíu unha reportaxe sobre o muíño de Arganzo.





O río confundese coa paisaxe do bosque 


A cancela está botada, O nabal medra amodiño. Velo? semella un pano de terciopelo verde


Abrese a porta, sae o muiñeiro con media fanega de trigo, doulle dez pesetas, a boto ao lombo , dou media volta e perdome na fraga, atopome desafiante e fermosa, viva.



mércores, 4 de novembro de 2015

Cruz de Subcementerio

Según nos conta Cefucho no seu libriño " As Grañas do Sor o esplendor dunha parroquia rural (1940-1970).

Onde se atopa hoxe esta Cruz, frente ao Centro Social, habia antigamente unha encrucillada de camiños que partian con dirección a Casateite, O Candedo e a Fonte dos Frades. A primeiros dos anos 40 neste lugar, Cándida e Ramil -matrimonio con tres fillos- mantiveron aberta unha taberna nun caseto de madeira tapado cunha lona  das mallas, mentras Xoán de María -o contratista- non acababa de poñer a cuberta da casa nova. A base deteriorada desta cruz, que vedes nas fotos, facía de mesa debaixo do toldo.




luns, 23 de xuño de 2014

Os encantos da Faladora

Dolmen de Forno dos Mouros (A tradición  oral refire que por San Xoán, cando saen tódolos encantos, pódese ver unha galiña cunha rolada de pitos de ouro. Á tardiña, volve desaparecer no interior daquelas pedras para gardar un ano máis, o seu tesouro inalcanzable.)  ou Pena Branca, na Serra da Faladoira. Formado por sete ortostatos de cuarcita na cámara e dous no corredor. Mide 3,20 x 3 metros. Moi preto do Dolmen de Forno dos Mouros encóntrase o túmulo  sobre o que está chantado un cruceiro monolítico de lousa que alcanza uns 2 m de altura. Coñécese como Cristo dá Faladora ou Cruz de Alvar González


e "parece simbolizar de xeito farto expresiva naquelas desoladas alturas, o triunfo do cristianismo sobre os primitivos cultos pagáns. Ata sería probable que a gran lousa de que foi recortado procedese da cuberta dalgún dos próximos dolmens!". É o único cruceiro galego sobre túmulo megalítico.



Un pouco máis adiante atopanse cinco túmulos que compoñen A necrópolis do alto da serra da Faladoira que están  precedidos polo sur por un menhir de 3.88 m de lonxitude que podería ter servido como fito do camiño visible dende o Cristo dá Faladora. O monolito foi descrito por Barros Sivelo como menhir de demarcación, xa que por esta dorsal corre tamén o límite parroquial Ortigueira-Mañón.  

sábado, 22 de febreiro de 2014

A IGREXA DE SANTA MARIA DE MAÑON


A igrexa de Santa María de Mañón alberga unhas pinturas murais realizadas, en dous
momentos, entre o último cuarto do século XV e a primeira metade da seguinte centuria.
As máis antigas constitúen unha interesante mostra do último gótico en Galicia, mentres
que as máis modernas revelan a introdución de motivos estilísticos clásicos sobre
patróns iconográficos ancorados aínda na tradición baixo-medieval.


sábado, 15 de febreiro de 2014

Casa no lugar de Ribeira de Ambosores (Concello de Mañón)

Este lugar coñecido como Ribeira de Ambosores e que territorialmente pertece ao Concello de Mañón (está pegadiño a Grañas do Sor) , pero eclesiásticamente forma parte da parroquia de Ambos-Sores, que da cordo coa demarcación parroquial do Obispado de Mondoñedo en 1895. esta formada por lugares de tres concellos (Mañón na provincia de a coruña e os de Muras e Ourol na provincia de Lugo)