A parroquia de San Cristovo das Ribeiras do Sor, que como boa parte deste concello, é unha comunidade máis labrega que mariñeira. Pero Mañón é, ante todo, unha terra de marcados contrastes.
A capela da Pastoriza é unha construción sinxela, nacida da devoción popular. Máis adiante está o lugar da Venta, co seu aire urbano, estirándose ao longo da estrada, como é habitual nas poboacións desenvolvidas ao carón das novas vías do século XX. A estrada rodea o pobo da Barbeita, que descende pola aba do monte achegándose ao río. As vivendas antigas son ben diferentes ás dos pobos da costa e dispóñense ao carón dos camiños que noutro tempo levaban aos campos e ao monte. Nelas destaca a súa estrutura, moi semellante á das casas do interior e da montaña con volumes compactos e cubertas a catro augas.
As terras do Sor deseñan unha paisaxe de montaña e de pobos acomodados nas abas soleadas dos montes. Esta zona presenta relevos quebrados que se acentúan en lugares como Auga Caída, onde o río escava o seu camiño na rocha. O resultado é un poboamento disperso e xerarquizado: unas aldeas grandes e outras pequenas froito, posiblemente, dunha expansión agraria e demográfica das primeiras.
O contraste entre as serras altas e os vales recollidos favoreceu este tipo de poboamento que goza dunha gran variedade de microclimas. Esta circunstancia percíbese na exuberancia de xardíns e hortos, nos cales se dan especies a priori pouco propicias como cítricos ou camelias. Xunto cos cereais e coa horta, a gandería e a explotación forestal completan as actividades da economía tradicional da zona. Noutro tempo cultivouse tamén o viñedo, hoxe desaparecido.
Na Barbeita o edificio máis salientable é a escola, á beira da estrada, promovida pola Sociedad de Instrución Luz de Riveras del Sor e inaugurada en 1927. Estamos ante unha construción sinxela pero certamente elegante, de fachada simétrica que reflicte o seu interior: a aula de nenos, a un lado, e a de nenas, ao outro. Esta sociedade, fundada en 1912, uniu a veciñanza emigrada na Habana para impulsar proxectos que mellorasen a súa parroquia natal. Deste xeito, ademais da escola, esta asociación promoveu a renovación integral do cemiterio parroquial.
A igrexa parroquial de San Cristovo das Ribeiras de Sor, trátase dun templo curioso situado nunha paraxe fermosa. A uns centos de metros o lugar da Ponte, un dos pasos históricos do río Sor, cunha pequena área recreativa ao carón do río.
As ribeiras do Sor constitúen unha das máis belas paisaxes da Galicia interior, o espectacular microclima que aquí se xera e que permite o crecemento de delicadas flores como a azalea e sobre todo a camelia. Miles de árbores tamizan a luz e dan todos os tons posibles ás sombras. O río é un constante murmurio de auga limpa e fría e non parece haber de destruír nada capaz a paz que se respira nestas paraxes nas que a natureza mostra toda a súa capacidade para producir beleza. Xunto a o río atopase a finca de Torre de Lama e dentro dela está a maior plantación de camelias de Europa.
Por outra banda, o río Sor serve de limite, case na súa totalidade, entre os concellos de Mañón e O Vicedo; e dicir, entre as provincias de Lugo e A Coruña. Estas augas desembocan na ría do Barqueiro, pero cara ó interior no que poderiamos denominar como esteiro do Sor, orixinase un espazo natural de singulares características ecolóxicas. Este espazo coñecido como Ribeiras do Sor, é así mesmo o nome dunha das parroquias do concello de Mañón. As beiras do esteiro teñen máis costa na zona luguesa e son máis suaves na coruñesa, aínda que ámbalas dúas están cubertas de espesa vexetación arbórea, piñeiros e eucaliptos entre os que aparecen algúns carballos e ameneiros. As dificultades de acceso favorecen a conservación destas encantadoras ribeiras. A fauna avícola limítase a algunhas aves migratorias, anátidas e limícolas; mentres que a piscícola-troita, reo, anguía e salmón- e moito máis importante.
Aqui un das Ribeiras , enoraboa pola páxina a cal sigo dende ai tempo.
ResponderEliminar