Amosando publicacións coa etiqueta Cruz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cruz. Amosar todas as publicacións

xoves, 7 de xaneiro de 2016

Cruz da Liñaza

Custounos traballo atopala, pero por fin, grazas ás indicacións de dous veciños, Pablo do Cal e José de Cabana demos con ela, e realmente pagou a pena, non só pola beleza da cruz se non tamén a das rochas nas que está encravada, como se pode apreciar nas seguintes fotos.

Cruz da Liñaza

 Contan os vellos que nos tempos antigos, no lugar de Casateites, polas noites se viñan producindo roubos, tanto de cultivos coma de animais, mesmo algún dentro das vivendas, pero non eran capaces de pillar o ladrón, e así durante meses, ata que un bo día xa non volveron roubar, pero cal foi a súa sorpresa cando días despois dous labregos que se dirixían ao Lombo do Medio, atallando polos montes para acurtar camiño, ao chegar ao cume do monte atoparon os restos do corpo dunha muller que fora atacada polos lobos e xunto a ela un saco  rachado con  máis ou menos media arroba de liñaza ciscada polo chan,  que botaran a faltar nunha das vivendas de Casateites. Como a muller non era coñecida, déronlle sepultura onde encontraron o corpo e levantaron unha cruz en sinal de advertencia para futuros rateiros.



mércores, 4 de novembro de 2015

Cruz de Subcementerio

Según nos conta Cefucho no seu libriño " As Grañas do Sor o esplendor dunha parroquia rural (1940-1970).

Onde se atopa hoxe esta Cruz, frente ao Centro Social, habia antigamente unha encrucillada de camiños que partian con dirección a Casateite, O Candedo e a Fonte dos Frades. A primeiros dos anos 40 neste lugar, Cándida e Ramil -matrimonio con tres fillos- mantiveron aberta unha taberna nun caseto de madeira tapado cunha lona  das mallas, mentras Xoán de María -o contratista- non acababa de poñer a cuberta da casa nova. A base deteriorada desta cruz, que vedes nas fotos, facía de mesa debaixo do toldo.




luns, 23 de xuño de 2014

Os encantos da Faladora

Dolmen de Forno dos Mouros (A tradición  oral refire que por San Xoán, cando saen tódolos encantos, pódese ver unha galiña cunha rolada de pitos de ouro. Á tardiña, volve desaparecer no interior daquelas pedras para gardar un ano máis, o seu tesouro inalcanzable.)  ou Pena Branca, na Serra da Faladoira. Formado por sete ortostatos de cuarcita na cámara e dous no corredor. Mide 3,20 x 3 metros. Moi preto do Dolmen de Forno dos Mouros encóntrase o túmulo  sobre o que está chantado un cruceiro monolítico de lousa que alcanza uns 2 m de altura. Coñécese como Cristo dá Faladora ou Cruz de Alvar González


e "parece simbolizar de xeito farto expresiva naquelas desoladas alturas, o triunfo do cristianismo sobre os primitivos cultos pagáns. Ata sería probable que a gran lousa de que foi recortado procedese da cuberta dalgún dos próximos dolmens!". É o único cruceiro galego sobre túmulo megalítico.



Un pouco máis adiante atopanse cinco túmulos que compoñen A necrópolis do alto da serra da Faladoira que están  precedidos polo sur por un menhir de 3.88 m de lonxitude que podería ter servido como fito do camiño visible dende o Cristo dá Faladora. O monolito foi descrito por Barros Sivelo como menhir de demarcación, xa que por esta dorsal corre tamén o límite parroquial Ortigueira-Mañón.  

domingo, 21 de abril de 2013

SENDEIROS DO SOR, do cruzamento da Cruz da Cal Do Macho á Ribeira de Ambosores

 Cando o pasado ano estiven na Cruz da Cal do Macho, Lolita de Insua díxonos que se tomabamos o sendeiro que hai á dereita da Cruz chegariamos ao río Sor e de alí a Ambosores, dixo que se andaba bastante ben e claro está quedeime coas ganas, e a  primeira oportunidade que tiven  me lancei de cheo, baixamos durante ben media hora ata chegar ás beiras do río polo medio dunha fermosa Fraga.


As árbores empezaban a cubrirse de follas, por algúns sitos o camiño é bastante pendente, pero paga a pena, este tramo do río non o coñecía e é un dos máis fermoso, as augas limpas e cristalinas acompañáronnos durante todo o traxecto.



sábado, 6 de abril de 2013

CRUZ DO FAMEIRO
Esta é unha desas cruces de tránsito, de parada de cemiterio, segundo conta a miña sogra, cando saía o cortexo fúnebre da casa do defunto, a caixa co morto era levada aos ombros por veciños e achegados, e diante de cada unha das cruces que había no camiño vello que levaba ata a Igrexa, (neste tramo desde Pesegueiro ao Campo da festa atopei cinco cruces)  facíase unha parada, para rezar pola alma do morto, e o párroco botaba un responso