xoves, 7 de xaneiro de 2016

Cruz da Liñaza

Custounos traballo atopala, pero por fin, grazas ás indicacións de dous veciños, Pablo do Cal e José de Cabana demos con ela, e realmente pagou a pena, non só pola beleza da cruz se non tamén a das rochas nas que está encravada, como se pode apreciar nas seguintes fotos.

Cruz da Liñaza

 Contan os vellos que nos tempos antigos, no lugar de Casateites, polas noites se viñan producindo roubos, tanto de cultivos coma de animais, mesmo algún dentro das vivendas, pero non eran capaces de pillar o ladrón, e así durante meses, ata que un bo día xa non volveron roubar, pero cal foi a súa sorpresa cando días despois dous labregos que se dirixían ao Lombo do Medio, atallando polos montes para acurtar camiño, ao chegar ao cume do monte atoparon os restos do corpo dunha muller que fora atacada polos lobos e xunto a ela un saco  rachado con  máis ou menos media arroba de liñaza ciscada polo chan,  que botaran a faltar nunha das vivendas de Casateites. Como a muller non era coñecida, déronlle sepultura onde encontraron o corpo e levantaron unha cruz en sinal de advertencia para futuros rateiros.



1 comentario:

  1. Bonita leyenda de las tierras que habité de cuando niño...

    Un abrazo, Chus.

    ResponderEliminar