O Barqueiro

               Porto do Barqueiro             Ria do Barqueiro                Praia de Esteiro 


  
A vila do Barqueiro, co seu limpo e pintoresco casarío cinguindo o seu pequeno porto,  é unha das estampas máis fermosas do litoral galego. Está situada nun suave anfiteatro aberto polo río Sor. O Barqueiro foi historicamente a poboación máis importante do actual concello de Mañón, de aí que, xa no século XX, se trasladase a este lugar a capital municipal. As casas apíñanse trepando polas empinadas abas e todo o conxunto é dunha beleza extraordinaria. O nome de este pobo ten a súa orixe no seu primeiro habitante, o barqueiro que trasladaba a persoas e mercadorías dun a outro lado da ría ata o ano 1901, ano no que rematou a ponte metálica que vemos hoxe dende un novo viaduto.
Aquela ponte supuxo unha atrevida obra de enxeñaría para a súa época. Está formado por tres tramos de vigas de ferro forxado apoiadas sobre piares de cadeirado. Noutros tempos servía de refuxio ás embarcacións do Barqueiro cando amenazaba o temporal.
Segundo parece, a historia do Barqueiro, como a de moitas aldeas da nosa costa, transcorreu a medio camiño entre o mar e a terra, posto que os mariñeiros gañaban boa parte do seu sustento cultivando nas terras próximas ás casas: centeo, millo, legumes e mesmo viñas,  convivían nunha paisaxe na que tamén tiñan grande importancia os bosques, dos que saía madeira para a Armada real. Como noutros lugares do país, os mariñeiros formaban compañías para saíren a pescar, repartindo as capturas a quiñóns entre os homes e o armador, segundo o aparello e traballo achegado por cadaquén.
A parroquia do Barqueiro está situada no istmo da península de Bares, onde desemboca o río Sor, esta parroquia acocha recantos de unha fermosura incomparable, da máis espesa a variada vexetación ós vertixinosos e profundos cantís, onde baten ondas de distinto sal -o do Atlántico e o do Cantábrico-, pero de idéntico sabor.Esta mestura de mares bañan paradisíacas praias, coma a ensenada de Esteiro.

1 comentario: