Amosando publicacións coa etiqueta Poemas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Poemas. Amosar todas as publicacións

venres, 30 de marzo de 2018

OLLANDO O REFUXIO DO CASCON





Nun só recordo
vén o tento do antonte
no mesmo sobrado frío, 
aló, na mesma fraga,
nos netos dos mesmos paxaros,
no illó das mesmas augas.
Tamén os mesmos camiños,
Só eu, xa non mesma,
evocando todo aquel sol.
                                                                                                    Medos Romero

martes, 13 de decembro de 2016

Os últimos resquicios do outono na Ribeira do Bispo. (Río arriba)

Os meus ollos non se cansan de contemprar a beleza das suaves curvas que fai o río,
os cabalos salvaxes que pastan na súas beiras,
as mazás maduras esparcidas pola aira,
os castiñeiros, as aveleiras, os carballos, piñeiros, salgueiros, …
E enriba, o ceo, dono de este val, cheo de lembranzas doutros outonos esquecidos, e de longos días chuviñentos da invernia que está por chegar.
As aveleiras refulxen co resplandor do outono, hoxe, un 10 de decembro,  vai calor, ainda que un airiño maino aloumiña as follas das arbores desta fraga de ribeira.
Pasiño a pasiño vou río arriba, deixome levar, o silencio engaiolame os sentidos, e mentres disfruto da camiñata, lembrome de outros outonos.

Núos pés en herba da tarde.
Tento en chasquido da folla seca,
acastañada do sol.
Mau arrincando cascamelos verdes
e bailaretes dun carballo.
Xesteiro florido anaga a tarde
de marelo intenso do ulido doce.
A trote vai un cabalo.
Silencio.
Vida no son dende min,
no son do rego ao lonxe,
na abella acochada na ortiga,
no vaivén da póla do loureiro
que chama polo vento
                                  Medos Romero

Aqui vos deixo a entrada do pasado outono pero río abaixo

sábado, 24 de setembro de 2016

A Curuxa Do Pedrón


Baixou a lúa
rarear no trigo.
Só a coruxa
crocou a noite.
Unha mau longa
apaxea as medras
do pan en flor.
                               Medos Romero

martes, 19 de abril de 2016

Fraga de Ambosores

...
A min somentes me importa esa paisaxe verde, 
esa paisaxe eterna que é vida e agonía,
esa paisaxe que tece e que destece a alma
nun soño de ilusión que se non murcha.
...
Eu quero camiñar braviamente, fixo,
cara á carballeira misteriosa do non visto,
cara a un abrente teixo de resplandor obrizo
ou cara a esa sombra morna en que cantan os grilos.
Eu quero esta paisaxe verde, eterna, que está viva.

                                                                                  Manuel María

domingo, 13 de decembro de 2015

Outono na Ribeira do Bispo (Río abaixo)



O río dos meus soños.
Esta brisa máxica do outono, de tardes cortas todavía,  Camiñando en silencio, ollando as cores da natureza, que conmoven os sentidos e nos enchen de luz o corazón.
Quero ter para ti as miñas verbas máis sinceras, recordar os outonos camiñando polas beiras de ríos e regatos, mentres vexo empobrecer o corazón da xente. Acontece entón que as miñas lembranzas no son as túas. A pesar de todo cando chega o outono e volto a pasear polos nosos ríos teño unha lembranza agarimosa



POEMAS AO OUTONO
Agora que é Outono, miña amiga,
miña amante e sinxela compañeira,
habémonos chegar deica a ribeira
onde a brisa deixou unha cantiga.

E que sexa Outono quen nos diga
os segredos que ten a sementeira,
como se foi espindo a carballeira
e que promesas granarán na espiga.

Nós sabémonos puros e cumpridos
ao sentirnos tan un e tan xunguidos
nesta paisaxe lene e musical.

¿Non lembras, en Outonos xa vividos,
ao río retratar no seu cristal
os soños que coidábamos perdidos...?

                                         Manuel María