Amosando publicacións coa etiqueta Muiño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Muiño. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de xaneiro de 2017

Un muiño no rego de Aguieira

Moitos dos nosos muiños están a piques de desaparecer,  por abandono das aldeas,  dos cultivos tradicionais de cereais -trigo e centeo-, ou polo aumento do terreo adicado a pastos pola mellora da cabana gandeira, ... en fin estas humildes edificacións foron esquencendose  ó longo do século XX.

Este muiño nas paredes de fora ten duas pedras de asento, chamadas tamen pousadoiros que se usan para apoiar os sacos de gran.
Na porta daquel muíño, 
hai dúas pedras de asento,
unha é para namorar,
e outra pra pasa-lo tempo.

No interior do muiño  todavía se poden apreciar os distintos elementos que o compoñen.
O Rodicio

Á porta do muíño vello púxenme a pensar,
nas voltas que dá o rodicio,
e aínda nas que ten que dar.
Muíño de peza
de son cantareiro
morriches de fame
sorriches de pena
meu muíño albeiro
Como se pode apreciar nestas imaxes.  "Andando gaña o muíño, que parado está perdido "
Neste rego chegou  haber catro muiños, pero o único que se conserva ben e este, o muiño de parceiros de Labrada e Pesegueiro, chamase asi por ser de varios co-propietarios que participaron na súa construcción e mantemento. É un muiño de pequeno tamaño,  a construcción é boa. Os muros están feitos có habitual cachote, e o tellado, en bastante bo estado, a dúas augas recuberto con lousa.
No mapa podedes ver dentro do 0 onde se atopa o muiño.

Imos baixar, ¿vides?

O peor é chegar a el, o camiño de baixada desde Pesegueiro é bastante escarpado, chegase millor desde Labrada, a baixada e mais curta e suave.
No muíño fan cantigas, 
no muíño fan concellos,
no muíño fanse amores, 
e contan contos os vellos.   
Unha noite no muíño 
unha noite non é nada 
unha semaniña enteira
eso si que é muíñada.

Reseñar que Os muíños, (a maioría dedeles) como núcleo das relacións sociais da parroquia

Se tivo importancia relevante no económico, non menos a posuíu no social, posto que se converteu no verdadeiro núcleo sobre o que viraban as relacións da xente da parroquia, aldea ou lugar, fundamentalmente da mocidade,
Os veciños debían acudir necesariamente ao muíño con asiduidade. Así, mentres se procedía á tarefa de moer, enchíanse os tempos de espera con actividades de lecer; bailes, cánticos, relatos de historias, lendas, anécdotas, xogos, etc., (muíñadas ou foliadas cando interviña a gaita). Dado que polo día o campesiño e a súa familia dedicábanse ás faenas da terra, a noite constituía o único tempo libre de que dispoñían para moer, de modo que eran frecuentes as reunións entre os usuarios. Estas podían prolongarse ata o día e adquirían carácter festivo (leria e troula en galego), nas que os mozos e mozas representaban un papel predominante.
De todo isto, quizais o máis significativo é que o baile galego por excelencia, a muiñeira, adopta esta alusión tan connotativa, á vez que se danza en sentido circular semellando a rotación da moa do muíño sobre o pé, ou a propia rotación do rodete.
("Los molinos y el ciclo del pan". José  Mª Leal Boveda)

Non se precisa pandeiro
 para baila-la muiñeira, 
 mentres dura a muiñada,
 fáino-lo ritmo a albeira.
Na porta daquel muíño,
hai un carballo rachado,
onde sentan as mozas,
a mata-lo condenado.

domingo, 13 de decembro de 2015

Outono na Ribeira do Bispo (Río abaixo)



O río dos meus soños.
Esta brisa máxica do outono, de tardes cortas todavía,  Camiñando en silencio, ollando as cores da natureza, que conmoven os sentidos e nos enchen de luz o corazón.
Quero ter para ti as miñas verbas máis sinceras, recordar os outonos camiñando polas beiras de ríos e regatos, mentres vexo empobrecer o corazón da xente. Acontece entón que as miñas lembranzas no son as túas. A pesar de todo cando chega o outono e volto a pasear polos nosos ríos teño unha lembranza agarimosa



POEMAS AO OUTONO
Agora que é Outono, miña amiga,
miña amante e sinxela compañeira,
habémonos chegar deica a ribeira
onde a brisa deixou unha cantiga.

E que sexa Outono quen nos diga
os segredos que ten a sementeira,
como se foi espindo a carballeira
e que promesas granarán na espiga.

Nós sabémonos puros e cumpridos
ao sentirnos tan un e tan xunguidos
nesta paisaxe lene e musical.

¿Non lembras, en Outonos xa vividos,
ao río retratar no seu cristal
os soños que coidábamos perdidos...?

                                         Manuel María



luns, 9 de novembro de 2015

"Outono no muiño de Arganzo (A Barcia) "

Tramo ro río encaixado na canle no muiño de Arganzo
O sábado  a mediodía baixamos ata a Barcia, tiña ganas de ver como lle sentaba o outono ao muíño de Arganzo, este ano ven tan cálido que as cores non teñen eses contrastes tan fermosos dos outonos secos e fríos, pero,  que se pode esperar, un sete de novembro  con 23º a una do mediodía nas beiras do sor?, o día espectacular,  un sol espléndido, os cabaliños do demo , verdes e azuis, voando por enriba das augas da canle do muíño,  era imposible fotografalos, non paraban quietos.





O Sr. José e a súa Dona, coma sempre saíron a saudarnos, a verdade é que viven nun lugar privilexiado, a propiedade conta con un muíño de tres séculos que segue en activo, agora so en contadas ocasións.  O Sr José   é o último dunha saga familiar de muiñeiros que se dedica a moer trigo e maínzo en Arganzo, este muíño, que antano facíase imprescindible,  aínda hoxe segue xerando a súa propia luz. Alí todo é artesanal, como nos seus inicios: as pezas vanse repoñendo, pero están elaboradas polo propio dono. A súa estrutura é simple: unha modesta edificación de pedra por cuxo interior discorre o tramo dun río previamente encaixado nunha canle que dá paso a unha especie de fervenza.


Cóntanos  José que antano os lugareños  baixaban ao muiño cunha moenda que chegaba aos 50 quilos a lombos dun burro por un camiño estreito, a congostra, onde sorteaban rutas que ían dende San Pantaleón, pasando por Ambosores, na provincia de Lugo, ata As Grañas. e nas festas máis importantes da zona, San Antonio, San Pantaleón e San Mamede, o forno non cesaba de cocer en tres días: cociñábanse durante estas festividades case un centenar de doces dunha repostaría única na zona: roscón de anís, biscoito, brazo de xitano, torta de améndoa e mazá, empanada... A nai de José poñía a fariña e cada un dos asistentes, o que podía achegar á celebración.

Hoxe, de novo, o Sr. José ensinounos o muíño, e púxoo a moer para nós. E como en ocasións anteriores, convidounos a volver  de novo.
Hai uns anos na Voz de Galicia saíu unha reportaxe sobre o muíño de Arganzo.





O río confundese coa paisaxe do bosque 


A cancela está botada, O nabal medra amodiño. Velo? semella un pano de terciopelo verde


Abrese a porta, sae o muiñeiro con media fanega de trigo, doulle dez pesetas, a boto ao lombo , dou media volta e perdome na fraga, atopome desafiante e fermosa, viva.